Este é un extracto que me gustou moito, de Toxos e flores, e co que me identifico plenamente. ¡¡¡Vivan as patacas!!!
O país dos grandes e pacíficos comedores de patacas
Os galegos non fixeron guerra ningunha desde que comen patacas. Participar, participaron nalgunha, pero sempre á forza e a rastro, sobre todo na guerra menos galega que houbo e que foi a guerra española. Estou seguro que a inxestión masiva de patacas ten moito que ver coa actitude xeralmente pacífica do galego. O galego é un comedor de patacas case nato. Cando un bebé galego bota andar, así, a tombiños, é porque xa a ten idade regulamentaria para comer patacas. Por iso, aínda que a xente pense que di cousas inintelixibles, as primeiras verbas do bebé galego non son mamá ou papá senón pa-ta-ca.
Na gastronomía, sobre todo nos menús máis prestixiados mundo adiante, a pataca só aparece como casual aditamento ou cun carácter totalmente subalterno. A pataca é gornición, como tropa que arrodea aos oficiais condecorados ou ten a presencia duns toriños que se poñen de teloneiros da figura do espectáculo. A pataca está alí como podía non estar, e dáselle a mesma ou menos categoría ca un cenoria ou unha col de Bruxelas. Por demais, as patacas soen ser desprezadas, un feo froito soterrado que so contribúe á obesidade, insípido e nada nutritivo. Todo un lobby de extensión planetaria, unha mundial mafia na que se asocian propagandistas do areo-bic, fabricantes de pizzas, filósofos ligth e vendedores de lencería, mantén unha permanente campaña de acoso e asedio contra a raza dos comedores de patacas.
Pero aos galegos entralles por una orella e sáelles pola outra. O galego fetén é moi liberal coas cousas de comer. Como ben dicía Don Álvaro Cunqueiro, o primeiro que fai un galego cando encontra un animal estraño é probar se é comestible. O galego pertence ao xénero dos omnívoros e faille honor tanto ao Tiranosaurus Rex como ao Dilplodocus, sobre todo se está en grupo, porque o galego é individualista para todo menos para xantar. Gústalle moito comer pero sobre todo gústalle ver que os demais comen. Un galego non soportaría esta estampa dickensiana de comer nun restaurante mentres un pobre asoma polo vidro da fiestra. Se polo galego fose, aboliríanse as clases sociais á hora de almorzar, xantar, merendar e cear. Do resto, xa falariamos.
Mais hai unha cousa fundamental na concepción do que a gastronomía é para o galego fetén. Pódense comer tódalas cousas, pero comer, o que se di comer, cómese cando hai patacas. O demais é pura anécdota, entrantes, postres, ornamentos, gruilandas e foguetes de sete estalos. Un xantar sen patacas é coma un baile sen orquestra ou unha misa sen cura. Non importa o que haxa no prato, sexa alta cociña, nova cociña ou a cuca en vinagre. Se non hai patacas, aquilo é un ensaio fallido de xantar, unha bagatela, unha marimonada.
-¿Qué, que tal a paparouta do outro día na casa de don Tal? –pregunta con curiosidade un amigo ao galego fetén.
-Psssh – di o galego fetén cun aceno de decepción.
-¿E logo?¿Comestes mal?
-Psssh.
-¡Home, cóntame algo!¿Qué comestes?
-¡Bah! Tonterías. Unhas centolas con bois de Francia. Cocochas con meixóns e logo unhas costeliñas de cordeiro. De postre, tarta de Santiago, uns queixos e unhas filloas de crema. Café, copa e puro.
-¡Pois no estaba tan mal!
-Si, pero no había patacas.
-¿Non había patacas? ¡Manda carallo! Pois si que se luciu o don Tal. Xa che dicía eu que estes ricachóns son uns mortos de fame.
Diante dun prato sen patacas, aínda que estea cheo de exquisiteces, o galego sente unha especie de baleiro metafísico. O galego ten efectivamente saudade, pero a expresión máis radical da saudade galega é a saudade das patacas. Cando ten patacas, o galego séntese recompensado pola vida, disfruta do banquete, pataquiña a pataquiña, en non envexa os menús de perifol. Efectivamente, non despreza nada e degusta con bo padal os froitos da terra, mar e aire, pero o galego fetén non come, digamos por caso, bertorella con patacas senón patacas con bertorella. Neste caso, a orde de factores si que altera o producto.
Hai unha distancia abismal entre comer bertorella con patacas e comer patacas con bertorella. O galego pode comer patacas e se ademais acompaña a bertorella, ¡bocato di cardinali! Se non hai bertorella, que lle imos facer, pois veña pataquiñas que entran que dá xenio. A desgracia preséntase cando hai bertorella pero non hai patacas. O galego mira para o prato, repenica cos dedos na mesa, mira e remira, dálle a volta ao peixe por ver se quedou algo agachado, e logo asolágase nun estado de paciente perplexidade. Pasan os minutos, e o galego molla un codecho de pan, pincha un pouquiño por aquí e outro pouquiño por alá, como interrogándose que fai aquel pobre peixe solitario no seu prato. O maitre, se é espelido, nota que está a pasar algo raro co cliente aquel da bertorella. Achégase afable e co mellor dos sorrisos.
-¿Todo ben, señor?
-Home, todo, o que se di todo…
-¿Non pedira bertorella, o señor?
-Home, coa bertorella non teño ningún problema, parece de boa familia, pero…
-Dígame señor, ¿desexa algo máis o señor?
O galego dío de tal maneira que parece tan preocupado pola soidade da bertorella como pola propia soidade do comedor de patacas sen patacas. De feito, o galego vai a un restaurante, mesmo a un caro restaurante, e pide a carta por educación e logo selecciona o menú por aparentar. Na carta poden non aparecer as patacas, pero o galego dá por suposto que as patacas aparecerán no prato. O galego escolle o menú par facer o paripé. No fondo é un subterfuxio para comer patacas.
A forma máis xenuína de comer patacas que ten o galego é comer pataquiñas. Cando un galego di ¿E non terás por aí unhas pataquiñas?, o que realmente quere dicir é que ten unha fame doente e non unha famiña, e cando di ¡Bótame aí unhas pataquiñas! o que está a pedir non son patacas pequenas ou unha ración minúscula de tubérculos senón unha cumprida fonte de boas patacas.
Se un galego fetén é invitado a comer a unha casa e vai e pide unhas pataquiñas ao segundo saque e o anfitrión o que fai é botarlle dúas ou tres patacas, o galego séntese defraudado e, anque coma e cale, terá en diante unha opinión bastante negativa do invitador.
-¿E logo xa non te levas con Arturito Castrillón?-pregunta ao galego o amigo de confianza.
-Vouche dicir un segredo, pero non o comentes. Resulta que o Arturito invitoume a súa casa, pedinlle unhas pataquiñas, que xa lambera as do prato, ¿e a que non sabes o que fixo?
-¡A saber!
-Botoume tres patacas. Tres patacas contadas.
-¿Tres pataquiñas contadas? Moito coche novo, moito conto, e logo numeran as patacas. ¡Xa che dixen eu que con xente así non iamos a ningures!
Agora, neste tempo de Entroido, mentres os que mandan no mundo fan e desfán o lenzo absurdo da Historia, o galego fetén bota as patacas. Fai un algo na agra, e contempla a pacífica trincheira aberta polo arado na xenerosa terra. Pase o que pase, parece dicir o galego á nai terra, ¡que non nos falten pataquiñas!
[Extracto de Toxos e flores de Manuel Rivas publicado por Edicións Xerais no 1999]

